Catálogo

DANTE ALIGHIERI
A DIVINA COMEDIA
Edición bilingüe
Nova tradución de
Darío Xohán Cabana
Colección A nosa voz entenden, número 3
757 páxinas, cartoné, 25 x 17 cm
P. V. P.: 40 euros

Darío Xohán Cabana xa publicara en 1990 unha tradución d’A Divina Comedia pola que no ano seguinte recibiu a medalla de ouro do Concello de Florencia, en consideración á que na exposición de motivos se definía como “a mellor tradución ata agora dispoñible na área galego-portuguesa-brasileira”.

“Esta de agora –di o tradutor no prólogo– é completamente nova, resultado do traballo continuo e obsesivo destes tres últimos anos. Dos 14.233 versos que contén a Commedia, uns sete mil son agora diferentes na miña Comedia...”

Esta obra recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2013.

E a continuación, unha breve selección de páxinas da nosa edición d'A Divina Comedia (canto primeiro do Inferno):





FRANCESCO PETRARCA  
CANCIONEIRO, seguido das Rimas dispersas 
Edición bilingüe
Nova tradución de
Darío Xohán Cabana 
Colección A nosa voz entenden, nº 2 
667 páxinas, cartoné, 25 x 17 cm. 
P. V. P.: 40 €

Reproducimos uns parágrafos do limiar do Cancioneiro de Petrarca onde propio tradutor explica brevemente os motivos e a historia desta nova tradución: 

En 1989 o Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia editou unha tradución miña do Cancioneiro de Petrarca. Esta que publico agora é totalmente nova. 

A tradución do 89, aínda que recibiu louvanzas de persoas cuxa opinión estimo moito, desgustoume bastante cando a volvín ler varios anos despois. Non é que me pareza –con toda inmodestia o digo– que non aguantase a comparanza con outras traducións a algunhas linguas próximas á nosa; pero así a todo, empezoume a semellar traballo de principiante –que tal era por certo– cando a poñía ó carón da versión d’A Divina Comedia que fixen nos anos posteriores.

Así, fun emborranchando un exemplar con notas e correccións, coa idea de revisala por se acaso un día se volvía publicar. Esta posibilidade pareceu que se presentaba no ano 2000, e non foi máis ca unha ilusión; pero agora non me pesa, pois a falsa esperanza fíxome mergullar de cabeza no traballo. 

Porque daquela, xa relendo máis detidamente, anoxei tanto que decidín non facer a revisión que imaxinara, e si emprender unha tradución completamente nova, que é esta, lector, que tes nas mans. Talvez os anos transcorridos me fixeran, se non máis sabio, si un pouco máis hábil; o certo é que ó comparar a versión do 1989 con esta –acabada nos primeiros meses do 2002, modificada aquí e acolá no tempo que despois tivo que pasar durmindo nun arquivo de ordenador, e volta a castigar de novo durante todo o ano anterior á súa publicación– paréceme estar vendo naquela un parruliño feo e espenuxado, e nesta un cisne, se non tan inmaculado coma os que imaxinaban os prerrafaelistas, si bastante presentable na sociedade das aves elegantes. Pero iso, amigo lector, es ti quen ten que xulgalo. 

E a continuación, unha breve selección de páxinas da nosa edición do Cancioneiro de Petrarca:






OS TROBADORES DE OCCITANIA
Escolma, edición e  traducións de
Darío Xohán Cabana
Colección A nosa voz entenden, nº 1
638 páxinas, cartoné, 25 x 17 cm.
PREZO: 40 € IVE incluído

Entre o ano 1100 e as décadas finais do século XIII a lingua occitana ou provenzal serviu de vehículo a unha poesía lírica de extraordinaria beleza e dunha complexidade e perfección formal superior á de todas as anteriores de calquera parte do mundo. Por outra banda, esta poesía traía consigo unha auténtica revolución do sentimento: a nosa concepción do amor naceu cos trobadores, e non só a concepción do amor, senón tamén a da liberdade sexual, e mesmo a semente da igualdade entre os homes e as mulleres.

A poesía dos trobadores occitanos está na base das outras grandes líricas europeas medievais, nacidas a partir dela e en boa parte grazas ao seu exemplo: a francesa en lingua de oíl, a alemá do Minnesang, e finalmente a galega que floreceu non só en Galicia e Portugal, senón tamén nos reinos de León e Castela. A través da experiencia do Dolce Stil Nuovo e do Petrarca, o espírito dos trobadores occitanos continúa sen interrupción na lírica do Renacemento e chega sen ruptura aos nosos días.

Esta escolma comprende máis de 180 poemas duns oitenta trobadores que van dende o duque Guillerme IX de Aquitania, auténtico fundador da poesía moderna europea, até o crepuscular Guiraut Riquièr, pasando por Jaufré Rudèl, Marcabrú, Bernart de Ventadorn, Raimbaut d’Aurenga, Guiraut de Bornelh, Guilhem de Berguedan, Arnaut Danièl, Bertran de Bòrn, a Condesa de Dia, Raimbaut de Vaqueiràs, Pèire Vidal, Uc de Sant Circ, Sordèl, Pèire Cardenal ou Cerverí de Girona.

A edición é bilingüe, cos textos occitanos establecidos e ortografados polo propio tradutor a partir das mellores edicións críticas, e cunha tradución en verso (que é a principal), feita á maneira das anteriores traducións poéticas de Darío Xohán Cabana, é dicir, en verso rimado, coma as d’A Divina Comedia, a Vita Nuova, o Cancioneiro de Francesco Petrarca ou a Antoloxía do Doce Estilo Novo. Ademais, acompáñase unha tradución literal para servir de chave de acceso á lectura dos textos orixinais. Os textos poéticos están precedidos por un amplo limiar histórico e literario, e seguidos por un apéndice no que, á parte das notas filolóxicas e eruditas convenientes para profundar nos textos, figuran biografías e análises críticas dos trobadores escolmados.

A parte central da obra, é dicir, a que contén os poemas, ten un deseño especial do propio autor, a catro columnas por plana, contendo as páxinas pares os textos orixinais e as traducións literais, en dúas columnas desiguais, e as páxinas impares, simétricas, as traducións en verso xunto con algunhas notas de lectura.

A poesía dos trobadores occitanos está aínda viva, e é un dos feitos fundamentais da historia literaria de Europa e do mundo. Para nós, os galegos, é aínda máis importante se cabe, pois a nosa poesía medieval, fundamento da nosa identidade literaria, é en certa maneira filla natural e lexítima dela. Esta antoloxía, unha das máis extensas que existen e única no mundo pola forma das súas traducións, é un recoñecemento desa débeda impagable.

Mostra dunha selección de páxinas:



LÉVI-STRAUSS EN GALEGO: POLA DIVERSIDADE CULTURAL

A defensa do noso idioma é unha batalla fundamental dun obxectivo máis amplo, a supervivencia da nosa cultura, o cal á súa vez se enmarca no contexto da interacción entre as diversas identidades culturais do noso planeta. Tanto a tentativa de preservarmos en xeral a diversidade cultural como a de mantermos viva en concreto a nosa lingua veñen sendo obxecto nos últimos tempos de agresións máis ou menos explícitas, máis ou menos bastas, mais nunca inocuas. É por iso que recollemos neste volume as conferencias que o egrexio antropólogo Claude Lévi-Strauss elaborou por encomenda da UNESCO contra o racismo, sentando as bases dunha civilización mundial na que as diversas culturas poidan perpetuar a súa orixinalidade de xeito harmónico. Estamos daquela a botar man de décadas de esforzo internacional na procura dun consenso sobre diversidade cultural, e a empregalas como compás co que navegarmos en galego no mar da civilización mundial.