mércores, 9 de xaneiro de 2013

Cancioneiro

FRANCESCO PETRARCA
CANCIONEIRO, seguido das Rimas dispersas
Edición bilingüe
Nova tradución de
Darío Xohán Cabana
Colección A nosa voz entenden, nº 2 
667 páxinas, cartoné, 25 x 17 cm. 
P. V. P.: 40 €
Distribución a librerías: EDITORIAL GALAXIA S.A.

Acabamos de publicar, en edición bilingüe de nobres características, a nova tradución do Cancioneiro de Petrarca feita por Darío Xohán Cabana, obra que recibiu unha axuda da Consellería de Cultura e Turismo, Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2011.

Se Vde. quere axudar á subsistencia deste modesto proxecto editorial, quizabes lle pareza ben encargar directamente o seu exemplar premendo aquí.

Lembrámoslle que o primeiro título da colección A nosa voz entenden, a antoloxía Os trobadores de Occitania, tamén se pode encargar a través deste web, onde poderá encontrar algunhas opinións da crítica sobre este libro, tamén de Darío Xohán Cabana, que foi cualificado de extraordinario acontecemento cultural por algunhas das máis importantes personalidades intelectuais galegas.

Permitímonos reproducir uns parágrafos do limiar do Cancioneiro de Petrarca onde propio tradutor explica brevemente os motivos e a historia desta nova tradución:

En 1989 o Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia editou unha tradución miña do Cancioneiro de Petrarca. Esta que publico agora é totalmente nova. 

A tradución do 89, aínda que recibiu louvanzas de persoas cuxa opinión estimo moito, desgustoume bastante cando a volvín ler varios anos despois. Non é que me pareza –con toda inmodestia o digo– que non aguantase a comparanza con outras traducións a algunhas linguas próximas á nosa; pero así a todo, empezoume a semellar traballo de principiante –que tal era por certo– cando a poñía ó carón da versión d’A Divina Comedia que fixen nos anos posteriores.


Así, fun emborranchando un exemplar con notas e correccións, coa idea de revisala por se acaso un día se volvía publicar. Esta posibilidade pareceu que se presentaba no ano 2000, e non foi máis ca unha ilusión; pero agora non me pesa, pois a falsa esperanza fíxome mergullar de cabeza no traballo. 


Porque daquela, xa relendo máis detidamente, anoxei tanto que decidín non facer a revisión que imaxinara, e si emprender unha tradución completamente nova, que é esta, lector, que tes nas mans. Talvez os anos transcorridos me fixeran, se non máis sabio, si un pouco máis hábil; o certo é que ó comparar a versión do 1989 con esta –acabada nos primeiros meses do 2002, modificada aquí e acolá no tempo que despois tivo que pasar durmindo nun arquivo de ordenador, e volta a castigar de novo durante todo o ano anterior á súa publicación– paréceme estar vendo naquela un parruliño feo e espenuxado, e nesta un cisne, se non tan inmaculado coma os que imaxinaban os prerrafaelistas, si bastante presentable na sociedade das aves elegantes. Pero iso, amigo lector, es ti quen ten que xulgalo.


E a continuación, unha breve selección de páxinas da nosa edición do Cancioneiro de Petrarca:


Ningún comentario:

Publicar un comentario