domingo, 20 de outubro de 2013

Darío Xohán Cabana en Ravenna


Dentro do programa Settembre Dantesco 2013 de Ravenna, a serata dantesca do venres día 20 estivo centrada na tradución d’A Divina Comedia ó galego por Darío Xohán Cabana.

O acto, organizado polo Centro Relazioni Culturali de Ravenna, e nomeadamente polo polígrafo e axitador cultural Walter della Monica, consistiu nun coloquio conducido polo profesor Alessandro Gentili, no que participaron a profesora Giulia Lanciani, electa académica de honra da RAG, que fixo un belo e entusiasta informe sobre a lingua e a cultura galega, e o propio Darío, que ademais de cousas relativas á súa tradución falou do capitán garibaldino galego Leonardo Sánchez Deus e d’O Divino Sainete de Curros, do que leu algúns fragmentos postos en verso italiano por el mesmo.

Despois do coloquio, que durou preto dunha hora, o coñecido actor e dicidor de Dante Alessandro Sorrentino leu o canto VI do Purgatorio na lingua orixinal, e Darío Xohán Cabana repetiuno en idioma galego, non segundo a tradución da Comedia publicada en 1990, senón na nova que Edicións da Curuxa ten previsto publicar o ano que vén.

Ó final, o tradutor recibiu o Lauro Dantesco, distinción que materialmente consiste nunha reprodución en bronce da representación de Dante no baixorrelevo do interior da súa tumba, situada a poucos metros do lugar onde tivo lugar a serata, o cruceiro e a nave central da basílica de San Francisco, grande e fermosa igrexa construída nos séculos IX-X.

O acto, entre alegre e solemne como é propio da maneira italiana, contou con ilustracións musicais ó órgano a cargo de Paola Dessì. Ademais de Giulia Lanciani, estivo presente outro grande amigo de Galicia e persoal do tradutor, o profesor Giuseppe Tavani, tamén académico de honra da RAG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario